Memoria 2010
Feb01

Crónica dun aniversario

Crónica dun aniversario

 

10 da mañá do día 1 de febreiro de 1981. Aquel maxestuoso edificio no número 23 da rúa  Galicia  de A  Guarda, despois dalgúns anos de silencio e abandono ía ser testemuña dun acontecemento agardado impacientemente polos familiares de persoas con discapacidade intelectual do Baixo Miño.

 

Era o nacemento dunha pequena grande historia xestada no máis sincero dos anonimatos, 5 anos antes por un grupo de persoas co Somasco José Luis Montes, á cabeza.

Confusión, nervios, susto e incerteza, nun lado da balanza; proxectos, ilusións, entusiasmo e fantasías, por outro, botaban un pulso durante aquelas primeiras semanas de actividade. A alarmante falla de medios materiais e económicos tiña que ser sustituida polo empuxe dun grupo de familiares e persoas solidarias, que contra vento e marea tentaban manter a nave en pé. O apoio moral e solidario do noso entorno xa tivo daquela unha grande importancia, suplindo durante anos o abandono e as carencias da administración.

A nosa historia, aínda sen un final claro, coma se dun relato fantástico se tratara estase a escribir con sucesivos capítulos cheos de incógnitas. Sabemos o que queremos, pero para acadar ese obxectivo temos que dar demasiadas voltas, planificar demasiadas estratexias, porque no competitivo mundo das persoas "útiles", non teñen cabida outras capacidades que non vaian encamiñadas exclusivamente a rentabilidade. A pesar da nosa boa intención a imaxinación tennos xogado malas pasadas e as aterraxes forzosas na crúa realidade enchen varias páxinas desta máxica aventura, na que afortunadamente teñen unha clara vantaxe os capítulos fermosos con final feliz.

Á hora de avaliar os acontecementos destes intensos 30 anos, hai unha mezcla agridoce de sensacións. Mágoa polos fracasos, polos proxectos inacabados, pola pouca  sensibilidade dalgúns políticos, polas campañas de desprestixio, polos rapaces e colaboradores que xa non están, pola falla de unidade no movemento asociativo. Ledicia pola sensación de telo dado todo e seguir coa mesma ilusión do principio, polos sorrisos dos usuarios  de cada día as  9  da mañán, polas persoas que seguen o teu lado apoiándonos (familias, colaboradores...) cando as cousas non van ben, polo que está feito e polo que aínda queda por facer e escribir.

E quedan por escribir centos de capítulos, miles de páxinas da historia que se remonta máis aló de cen anos atrás cando a familia Otero - Sobrino, decidíron ceder a súa casa para fins benéficos e que seguirán enchendo Marta, Domin,  … , que algún día nos darán o seu ponto de vista sobre a marxinación e a discriminación, sobre a integración e mesmo sobre o traballo e mailo ocio, deporte ou a a sexualidade das persoas con discapacidade  intelectual no século XXI.

Mentres seguiremos a soñar, seguiremos a empezar polo imposible, seguiremos a inventar fórmulas e camiños diferentes que nos leven cara un obxectivo irrenunciable: a integración real na sociedade das persoas marxinadas.

 

Posted in Artículos

Comentarios (0)

Deixa un comentario

Estás comentando coma invitado.

Cancelar Enviando comentario...